Os Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos IES Escolas Proval de Nigrán e Terra de Turonio de Gondomar convocan o I Certame de Micropoemas Beatriz da Serra. Poderá participar o alumnado dos centros educativos do Val Miñor entre 9 e 20 anos.
Os poemas presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, e estarán escritos en lingua galega. Terán unha extensión mínima de 2 versos e máxima de 8. Cada participante poderá presentar un máximo de tres poemas pero só optará a un premio. O poema poderá ir acompañado dunha imaxe.
Establécense as seguintes categorías: alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria; alumnado de 1º, 2º, 3º de ESO e de FP Básica; e alumnado de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato e ciclos formativos.
As obras propostas enviaranse ao correo poesiamiñora@gmail.com. O envío conterá dous documentos: nun o poema ou poemas que se presentan ao certame en formato PDF (deberán levar un título ou lema). Noutro, tamén en formato PDF, figurarán o título da obra presentada e os datos persoais da autora ou autor (nome e apelidos, idade, centro de estudos, teléfono de contacto, correo electrónico e enderezo).
A data límite para a presentación dos poemas será o 17 de maio ás 23:59 horas. Os poemas premiados serán publicados nas webs dos centros convocantes e enviados aos medios dixitais do Val Miñor. Tamén se fará unha publicación impresa, que servirá para lembrar a Beatriz da Serra –a baionesa que se carteou en galego co Conde de Gondomar- e para a difusión dunha selección dos poemas presentados.
Establécense os seguintes premios en cada categoría: 1º premio dotado con dúas antoloxías poéticas das voces máis novas, certificación acreditativa, unha peza de cerámica conmemorativa de Antón Román e máis dez exemplares da publicación dos poemas do certame; 2º premio dotado con dúas antoloxías poéticas das voces máis novas, certificación acreditativa e máis dez exemplares da publicación dos poemas do certame.
O fallo do xurado farase público nas webs dos centros organizadores na semana seguinte ao peche do certame. Os premios serán entregados nun acto poético organizado polos centros convocantes.

