Baiona contratará a 18 persoas a través do Plan Concellos da Deputación

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a novena concesión de subvencións do Plan Concellos 2020 correspondentes á Liña 3 de Emprego coa que os concellos da provincia reciben o financiamento necesario para poder contratar traballadores e traballadoras municipais. En concreto aprobouse unha achega de 1.283.529,45 euros que beneficiarán aos concellos de Agolada, Baiona, Bueu, A Cañiza, O Grove, O Porriño, Ribadumia e Silleda.

No caso do Concello de Baiona, que recibirá 206.512,79 euros, poderá contratar a 18 persoas: 2 técnico/a superior en turismo, 1 condutor/a de camión, 3 peóns de obra pública, 1 palista-operario/a, 1 canteiro/a, 1 persoa para conserxería, 1 auxiliar administrativo/a, 1 ordenanza-vixiante, 4 xardiñeiros/as, 1 persoa administrativa, e 2 peóns de servizos.

A selección deste persoal faise desde os concellos, entre persoas desempregadas, a través do Servizo Público de Emprego e os contratos estenderanse ata o 31 de decembro deste ano 2020. Co Plan Concellos 2020, a Deputación pon a disposición dos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes 42,2 millóns de euros. En concreto para a Liña 3 de emprego achega 9,5 millóns de euros.