Sanidade distribúe un millón de test de diagnóstico rápido entre as Comunidades Autónomas

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, asegurou hoxe en rolda de prensa que «hoxe mesmo e durante o día de mañá chega ás CCAA a primeira partida dun millón de test rápidos».

Desta maneira, España vai incrementar de maneira substancial a capacidade de diagnóstico para confirmar ou descartar a presenza do COVID-19 na poboación.

O obxectivo do Ministerio, tal e como indicou Illa, é facer o máximo número de test posible ás persoas que teñan síntomas. «Están a realizarse de 15.000 a 20.000 test diarios, pero é necesario aumentar esta capacidade de diagnóstico diario».

O Instituto de Saúde Carlos III avaliou xa máis de 70 modelos de test rápidos para elixir o que conta con maior sensibilidade. O ISCIII comprobou que os test que agora se distribuirán teñen unha sensibilidade de máis do 80% a partir de que a persoa leve sete ou máis días infectada. Cando os pacientes acaban de iniciar síntomas a sensibilidade é do 64%.

A peza crave da estratexia de diagnóstico seguirán sendo os test de PCR e o test rápido vai ser un complemento para chegar a un maior número de poboación diagnosticada. Dirixirase especialmente aos hospitais e a colectivos vulnerables como son as residencias de maiores.

Este uso complementario dos test de diagnóstico rápido decidiuse tras valorar as informacións e estudos do Instituto de Saúde Carlos III e acordouse coas comunidades autónomas no relatorio de Alertas.

Os informes técnicos sosteñen que os test rápidos son un complemento adecuado para os test PCR en contornas cunha prevalencia da enfermidade alta, como son hospitais ou residencias de maiores. Esta estratexia permitirá facer probas para detectar que persoas son positivas. Os que dean positivo serán casos confirmados e se dan negativo deberán realizar unha PCR.

Os alicerces da estratexia de diagnóstico do Goberno son tres:

a) Realizar o máximo número de test posibles a todas as persoas que presenten síntomas, é dicir, incrementar a capacidade diagnóstica.

b) A peza crave da estratexia de diagnóstico seguirán sendo os test de PCR.

c) O que facemos agora é complementar os test PCR cos test rápidos para chegar a un maior número de poboación diagnosticada.

Anuncios