O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), coordina a 3ª fase do Programa de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas da Unión Europea (UE) 2019, na que, durante o pasado mes de febreiro, fornecéronse 33.411.262,24 quilos/litros de alimentos aos Centros de Almacenamento e Distribución (CAD) con que contan Cruz Vermella Española e Federación Española de Bancos de Alimentos, como Organizacións Asociadas de Distribución participantes no programa.
Isto supón aproximadamente o 35% do programa 2019, que finaliza con esta entrega -con anterioridade houbo outras dúas-. Nestes momentos, os alimentos atópanse neses CAD e nas instalacións das Organizacións Asociadas de Repartición (OAR) que son quen os distribúe entre 1,3 millóns de beneficiarios, que reciben de forma gratuíta alimentos de carácter básico, pouco perecedoiros, de fácil transporte e almacenamento.
Trátase de alimentos de calidade e primeira necesidade, como son: arroz branco, garavanzos cocidos, conserva de atún, conserva de sardiña, conserva de carne (magro), pasta alimenticia tipo espagueti, tomate frito en conserva, galletas, macedonia de verduras en conserva, froita en conserva en caldo de azucre lixeiro, tarriños infantís de froita, tarriños infantís de polo, leite enteiro UHT, batidos de chocolate e aceite de oliva.
Na situación actual, tras a declaración do estado de alarma esta repartición de alimentos cobra unha especial importancia, así como a súa distribución, asegurando o estrito cumprimento das indicacións das autoridades sanitarias no que se refire ás medidas de hixiene e limpeza nos almacéns, e na planificación das reparticións do alimento ás persoas máis necesitadas para evitar situacións de risco.
Nestas circunstancias, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, as autoridades competentes das delegacións e subdelegacións de Goberno, as organizacións asociadas de distribución e as case 5.300 OAR participantes no programa, en colaboración con Protección Civil, a Unidade Militar de Emerxencias (UME), entidades autonómicas e locais, corpos e forzas de seguridade do estado, así como voluntarios, están a traballar de maneira coordinada para asegurar que estes alimentos chegan ás persoas desfavorecidas.
O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) non entrega os alimentos directamente ás persoas desfavorecidas, senón que o fai a través de Cruz Vermella Española e a Federación Española de Bancos de Alimentos quen, á súa vez, distribúen os alimentos en todas e cada unha das provincias españolas a través das organizacións asociadas de repartición autorizadas. Entre as OAR actualmente autorizadas están a ONG “Ayuda al Mundo Necesitado” de Baiona, Cáritas Parroquial de Gondomar, Cáritas Juan Juan Bautista de Panxón, Gardería San José de Gondomar e os Concellos de Nigrán e Gondomar.
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación desenvolve, vía FEGA, desde 1987 e ata 2013 os plans de axuda alimentaria comunitaria a través do Fondo Europeo Agrícola de Garantía e, durante o actual período 2014-2020, baixo o marco da política social e de cohesión da UE, a través do Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas (FEAD).
Programa axuda alimentaria 2020
Para o programa de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas da UE 2020, xa se finalizou o procedemento de licitación pública para a compra dos alimentos, que se repartirán aos beneficiarios entre os meses de xuño de 2020 e abril do 2021. Esta distribución realizarase en tres fases de repartición como se veu facendo nos últimos anos. Nesta nova anualidade do programa está previsto un gasto na compra e distribución do alimento de máis de 91 millóns de euros.

