130 detencións en Galicia e case 14.000 denuncias por incumprir as medidas fronte ao COVID-19

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, lamentou hoxe as 130 detencións na Comunidade e as case 14.000 denuncias por incumprir as medidas fronte ao COVID-19. Advertiu, ademais, que os xulgados galegos xa decretaron os primeiros ingresos en prisión por saltarse as normas e as primeiras penas de cárcere.

Javier Losada explicou que ata onte a Policía Nacional, a Garda Civil e as policías locais galegas sumaron 13.969 propostas de sanción. Estas son resoltas en cada caso con sancións que oscilan entre os 601 e os 30.001 euros. Nos casos de persoas reincidentes as sancións aumentan de grao e parten de 10.400 euros.

En concreto, a Policía Nacional propuxo sancións para 4.752 persoas, con 79 detencións; a Garda Civil a 5.913, con 28 detencións, e as policías locais a 3.304, con 23 detencións.

Entre as persoas detidas, distintos xulgados galegos xa ditaron os primeiros autos ou sentenzas, que recolleron desde o ingreso en prisión de forma provisional ou condenas con penas de cárcere.

Con todo, o delegado do Goberno incidiu en que o respecto á normativa é maioritario e espera que continúe así. Agradece á poboación o seguimento das normas e lembra que a única maneira de frear o virus é quedarse na casa. Nese sentido, incide en que é fundamental protexer a quen se está xogando a vida: o persoal sanitario, as forzas de seguridade e as persoas que traballan en servizos esenciais como alimentación ou transportes

A pesar do respecto maioritario, para evitar contacto non desexados esta fin de semana volverán reforzar os controis para evitar os desprazamentos a segundas vivendas ou zonas de lecer. O dispositivo especial estenderase durante toda a Semana Santa para asegurar o illamento, que é a única maneira de actuar fronte á cadea de contaxio.

Anuncios