Comeza o traslado de maiores sans á Residencia de Tempo Libre de Patos

FOTO: JV LANDÍN // Un dos maiores chegando á Residencia de Tempo Libre de Patos.

Catro residentes do centro de maiores DomusVi Barreiro de Vigo foron trasladados este xoves á Residencia de Tempo Libre de Patos, en Nigrán, de titularidade da Xunta de Galicia e que ata o momento atopábase sen actividade. O Goberno autonómico tomou a decisión de intervir os centros residenciais DomusVi Barreiro, no concello de Vigo, e DomusVi Cangas, tras o elevado número de positivos por coronavirus entre as persoas usuarias e traballadoras dos centros, que se converteron en dúas residencias integradas, nas que permanecerán as persoas maiores que estean xa contaxiadas.

Pola súa banda, as persoas maiores que deron negativo nas probas, e unha vez que este resultado é confirmado, serán trasladadas á Residencia de Tempo Libre de Patos. Constantino Piñeiro, designado para dirixir e coordinar a actividade asistencial destas dúas residencias privadas e garantir así a correcta aplicación dos protocolos e a supervisión médica dos residentes, explicou que un total de 30 maiores ingresados en Aldán deron negativo e outros 58 en Barreiro. Trátase das dúas primeiras residencias privadas que intervén a Xunta, en calidade de autoridade competente, unha decisión que se ampara no apartado terceiro da orde do Ministerio de Sanidade SND/275/2020, do 23 de marzo.

🎥 VIDEO: Comeza o traslado de maiores sans á Residencia de Tempo Libre de Patos.

Publicado por Valmiñortv.com – O diario dixital de Baiona, Gondomar e Nigrán en Viernes, 3 de abril de 2020