Os praceiros de Baiona convocan o I Certame Mercado Verde: recicla e decora en casa

O Mercado de Abastos de Baiona convoca o I Certame Mercado Verde: recicla e decora en casa. Consiste en decorar, mediante pintura, colaxe, ou calquera outro método ou tipo de material decorativo, envases a reciclar, tales como botellas, botes, latas de alimentos, etc, co obxectivo de darlles unha segunda oportunidade xa sexa como obxecto útil ou simplemente decorativo. Para iso as persoas interesadas deberán utilizar os materiais e produtos que poidan dispoñer nas súas vivendas ou tamén cando pidan a súa compra ao Mercado de Abastos, poderán recibir un envase para reciclar e unha bocha sen custo.

Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, e a única condición é que polo menos realicen unha compra ou pidan a domicilio en calquera posto do mercado (Teléfono e WhatsApp de pedidos: 670 506 456-691 985 059). Os participantes poderán presentar un máximo de tres propostas e o deseño debe ser orixinal e inédito e non pode interferir na propiedade intelectual de terceiros como marcas, patentes, dereitos de autor ou outros.

O prazo de presentación dos traballos finalizará o 15 de maio ás 14:00 horas. É necesario para iso encher o formulario de inscrición (a solicitar no mercado) e entregalo, xunto co ticket de compra. Todos os traballos presentados quedarán expostos no mercado e logo serán devoltos. O xurado será externo e será designado pola organización. Antes do 25 de maio clasificaranse as obras finalistas do 1º ao 10º posto e comunicarase de forma inmediata aos propietarios.

Establécense 10 premios: 1º Carro de compra con produtos; 2º Vale de compra de 20 euros en carnicería; 3º Vale de compra de 20 euros en peixaría; 4º Vale de compra de 20 euros en froitas e verduras ecolóxicas; 5º Vale de compra de 20 euros en produtos ultramarinos; 6º Vale de compra en viños e licores; 7º, 8º, 9º e 10º Botella magnun de viños con Denominación de Orixe Rioja, Rías Baixas, Ribera del Duero e Valdeorras.

2020-04-02 - WhatsApp Image 2020-04-01 at 21.06.54