Galicia recibe un terceiro envío con 1 millón de máscaras dos lotes adquiridos pola Xunta

Galicia recibiu hoxe o terceiro envío das máscaras adquiridas pola Xunta. Trátase de 1 millón de unidades que foi entregado na plataforma loxística do Servizo Galego de Saúde, situada en Negreira. O material será distribuído desde este centro a toda a comunidade.

Sanidade envía este material de protección con carácter prioritario a hospitais, centros de saúde e residencias sociosanitarias, tal e como especifican os protocolos elaborados coas recomendacións do persoal de medicina preventiva.

O material recibido hoxe forma parte dos lotes adquiridos pola Xunta de Galicia a distintos provedores e que se suman ás 700.000 máscaras recepcionadas o pasado domingo e aos 2 millóns de máscaras recepcionadas onte.

Os protocolos de actuación para a protección dos profesionais na presente crise sanitaria provocada polo COVID-19 establecen a necesidade de que usen equipos de protección individual (EPI) para determinadas intervencións. Os elementos de protección recomendados son gafas de protección, batas de alta protección, máscaras respiratorias cirúrxicas e FFP2 e luvas de exame, xunto con solución hidroalcólica desinfectante.

Doazóns de Paco Leiro e Rafael Canogal

O material sanitario que se reparta a partir de hoxe levará ilustracións doadas por Paco Leiro e Rafael Canogal.

Francisco Leiro Lois, máis coñecido como Paco Leiro, nado en Cambados en 1957, é un pintor e escultor galego. Mentres, Rafael Canogar, nado en Toledo no ano 1935, é un dos principais representantes do arte abstracto en España.

Anuncios