Nigrán lanza unha campaña para visibilizar na rúa e nas redes aos nenos e nenas confinados

O Concello de Nigrán lanza unha campaña propia baixo o lema “Paciencia, Cariño e Calma” para volver a facer visibles aos nenos e nenas nas rúas do municipio. O goberno local insta ás crianzas a debuxar un corazón baixo este lema e a pegalo nas súas xanelas ou balcóns e nas redes sociais co hashtag #NigranQuedaNaCasa. O modelo de ilustración está dispoñible na web municipal e no facebook oficial Concello De Nigrán (para todo aquel que prefira simplemente imprimilo).

O Concello de Nigrán conta con 2.675 menores de idade e, deles, 2.186 teñen menos de 14 anos ou 14, colectivo infantil ao que se dirixe especialmente esta campaña que pon o punto de atención na infancia. “Os nenos e nenas desapareceron por completo das rúas hai xa dúas semanas, non saen a comprar, traballar, ou pasear ao can, son os máis castigados do confinamento e o mellor exemplo para os adultos, por iso queremos que sexan visibles mediante estes debuxos dun corazón que nos subliñan o importante nesta situación: paciencia, cariño e calma”, sinala o alcalde, Juan González, quen fai un especial chamamento ao respecto daqueles menores que teñen dereito a realizar saídas terapéuticas, “non pre-xulguemos nada desde o balcón e sexamos os adultos un exemplo positivo para todos os nenos, os que saen, e os que deben quedar na casa. Non engadamos malestar e discriminación aos colectivos que, precisamente, peor o pasan confinados”.

“Non é o mesmo para un neno estar pechado nun piso que nunha casa con xardín onde xogar. Esta é unha campaña para eles porque son o mellor exemplo nestes intres para os adultos, pero vai especialmente dirixida a aqueles que viven en pisos, para que os vexamos desde a rúa ou de balcón a balcón, nos motivemos entre todos e os tomemos a eles como exemplo para quedar na casa”, indica o rexedor, quen anuncia que nesta semana acompañará a campaña de material de entretemento elaborado especialmente para eles.

O Concello de Nigrán xa elaborara cartelería específica baixo o lema “Paciencia, Cariño e Calma” para difundir toda a información de interese municipal nestes intres de estado de alarma. “É un lema que nos define como Concello e que queremos estender a toda a poboación”, conclúe González.

Aniversarios

Paralelamente, o Concello de Nigrán propón ás familias de menores que estean de aniversario nestas datas de confinamento que escriban a comunicacion@nigrán.org indicando o día exacto, nome, idade e edificio ou rúa onde viven. O obxectivo é avisar publicamente a través do Facebook do Concello De Nigrán para que a veciñanza máis próxima saia ao balcón ás 18:00 horas para cantarlle ao neno/a en cuestión o “Cumpreanos feliz”. “Podemos facer entre todos que ese día si teña algo de especial que sempre recordarán”, incide o alcalde, quen invita aos veciños a enviar ao mesmo mail vídeos do resultado desta iniciativa.

Anuncios