Povisa ofrece videoconferencia gratuíta para os pacientes con Covid-19

Povisa habilitará a partir de mañá en todas as terminais de cabeceira dos pacientes con Covid-19 un sistema gratuíto de videoconferencia para que poidan comunicarse cos seus familiares durante o réxime de illamento ao que están sometidos.

Trátase dun sistema, único ata o de agora en hospitais de España, no que estiveron traballando os servizos técnicos de Povisa e o provedor das pantallas táctiles, Quantion, e que dará aos pacientes plena autonomía e intimidade para manter conversacións privadas sen límite de tempo. Ofrece tamén a posibilidade de realizar chamadas grupais.

Tras o anuncio da televisión gratuíta para os pacientes con Covid-19, vixente desde a semana pasada, Povisa dá así un paso máis para compensar as esixentes condicións de illamento ás que están sometidos, fomentando así a comunicación con amigos e familiares.

Equipos de Povisa e Quantion ultiman hoxe as probas dos dispositivos, que serán plenamente operativos a partir de mañá.

Povisa converteuse, en xullo de 2012, no primeiro hospital de España en dispoñer de pantallas táctiles de 21 polgadas en todas as camas, a través das cales o paciente pode acceder á TV, Internet, enviar correos electrónicos ou gozar de múltiples opcións de entretemento.