Aprazada a data final para completar o Segundo Dividendo Dixital

O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital comunicou á Comisión Europea que, debido á situación excepcional derivada da pandemia do COVID-19, decidiu aprazar a data para a liberación da banda de 700 MHz, proceso coñecido como Segundo Dividendo Dixital.

Este proceso consiste en cambiar as frecuencias asignadas ás canles de televisión na banda de 700 MHz co fin de utilizalas para despregar as futuras redes 5G, realízase por mandato da Unión Europea (Decisión 2017/899 do Parlamento Europeo e do Consello), e tiña como data límite para a súa execución o 30 de xuño de 2020. Con todo, a propia Decisión xa prevía a posibilidade de que se puidese aprazar a data límite por certos motivos como a forza maior, como é o caso actual.

Na comunicación á Comisión Europea explícase que a nova data determinarase en función de cando finalicen as medidas de contención adoptadas para facer fronte ao COVID-19. En todo caso, sinálase que será o mínimo prazo imprescindible para completar o proceso.

Como consecuencia deste aprazamento, os operadores de telecomunicacións non poderán ter á súa disposición na data prevista a banda de frecuencias de 700 MHz para o despregamento de servizos 5G. Os operadores están a realizar un esforzo adicional para afrontar a crise ocasionada polo COVID-19 e manter ás persoas e as empresas conectadas, polo que tamén se decidiu aprazar a licitación da banda de 700 MHz. O aprazamento das licitacións de bandas de frecuencias para servizos 5G é unha decisión adoptada nos últimos días por outros países da Unión Europea, como Francia, Austria e Portugal.

Desde que se declarou o estado de alarma, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital deu instrucións de manter, sempre que se salvagarde a saúde dos traballadores, a execución das actuacións do proceso.

Tamén se decidiu manter as emisións en simulcast (emisión simultánea a través das frecuencias nova e antiga), suspender as actuacións de cambios directos de canle radioeléctrica e manter nas instalacións colectivas de recepción de TV o equipamento das canles radioeléctricas que se abandonan, todo iso co fin de garantir, neste momento de emerxencia sanitaria, a recepción do servizo de televisión dixital terrestre aos cidadáns.

A decisión do aprazamento, que non é unha suspensión, tómase despois de constatar que as medidas de restrición da mobilidade inevitablemente están a ocasionar atrasos na planificación orixinal que impiden finalizar o proceso antes do 30 de xuño.

Anuncios