Aprobado un permiso retribuído recuperable para os traballadores de servizos non esenciais

O Consello de Ministros extraordinario aprobou o Real Decreto-lei 10/2020 polo que se regula un permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non presten servizos esenciais co fin de reducir a mobilidade da poboación no contexto da loita contra a COVID-19, que non terán que acudir ao seu posto de traballo entre os días 30 de marzo e 9 de abril.

Durante o permiso, os traballadores e traballadoras seguirán percibindo as súas retribucións íntegras, tanto o salario base como os complementos aos que teñan dereito.

Unha vez termine o período mencionado, as empregadas e empregados devolverán á empresa, de maneira paulatina, as xornadas non traballadas.

As empresas deberán negociar coa representación unitaria, cos sindicatos ou coas persoas traballadoras, a maneira na que se restituirán á empresa estas xornadas laborais non prestadas ata o 31 de decembro de 2020.

A recuperación destas horas non poderá supoñer, en ningún momento, o incumprimento dos períodos mínimos de descanso diario nin semanal previstos na lei nin a superación da xornada anual máxima fixada no convenio colectivo que sexa de aplicación. Tamén deberán ser respectados os dereitos de conciliación da vida persoal e familiar recoñecidos legal e convencionalmente.

Trátase dunha medida de flexibilidade laboral que trata de manter e salvagardar o emprego mentres dure a crise sanitaria da COVID-19, de evitar situacións de desprotección e de garantir o restablecemento posterior da actividade económica.

As empresas que deban aplicar este permiso retribuído poderán establecer un número mínimo de persoal ou establecer as quendas de traballo imprescindibles para manter a actividade que sexa indispensable.

O Real Decreto-lei que acaba de aprobar o Executivo é de aplicación obrigatoria, pero contempla excepcións. Por exemplo, non poderá afectar as traballadoras e traballadores ás que se lles estea aplicando un ERTE, salvo que este sexa de redución de xornada. Tampouco ás persoas que estean de baixa médica, ou cuxo contrato estea suspendido por outras causas legais, nin ás que poidan desenvolver a súa actividade profesional mediante o teletraballo.

Naqueles casos nos que resulte imposible interromper de modo inmediato a actividade, as persoas traballadoras incluídas no ámbito subxectivo deste Real Decreto-lei poderán prestar servizos o luns 30 de marzo de 2020 co único propósito de levar a cabo as tarefas imprescindibles para poder facer efectivo o permiso retribuído recuperable sen prexudicar de maneira irremediable ou desproporcionada a continuación da actividade empresarial.

Anuncios