Interceptan a un condutor na AP-9 cando se incorporaba en sentido contrario

FOTO: GARDA CIVIL

Efectivos do Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño interceptaron esta mañá a un condutor (T.S.G., de 70 anos) cando estaba a acceder á autoestrada AP-9 no sentido contrario da circulación.

Os feitos sucederon ás 10:40 horas cando unha dotación do Destacamento de Tráfico do Porriño que patrullaba pola autoestrada AP-9 decátase de que un usuario de avanzada idade estaba a incorporarse na peaxe de Torneiros-O Porriño en dirección contraria, cara á Coruña.

Ao ver que o condutor estaba a provocar unha situación de grave risco, tanto para el como para os demais usuarios, procederon a interceptalo xusto no momento da súa incorporación á vía, despois de cruzarse con dous vehículos no tramo de incorporación.

Unha vez liquidada a situación de risco, o condutor, que se atopaba totalmente desorientado, foi trasladado ás dependencias do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, onde foi recollido pola súa familia, que foi localizada a través do teléfono móbil que levaba consigo.

Anuncios