Baiona anuncia o aprazamento do cobro de taxas municipais

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, anunciou na mañá de hoxe a posta en marcha dunha primeira batería de medidas encamiñadas á modificar os períodos de pagamento de taxas ou mesmo a suspensión dalgunhas delas, para minimizar o impacto tanto social coma económico que está a provocar a actual crise do COVID-19.

As medidas adoptadas permiten ao Concello de Baiona adaptarse ao Real Decreto lei 8/2020 no que, entre outras cousas, regúlase a suspensión de prazos no ámbito tributario. Nesa liña, explica o Alcalde de Baiona, “a paralización na prestación dalgúns servizos do Concello facían precisa a adaptación das instrucións en materia recadatoria”.

En todo caso, as medidas adoptadas o venres e especificadas no Decreto da Alcaldía, estarán expostas a modificacións posteriores “en virtude da evolución do decreto de estado de alarma decretado”.

O Decreto de Alcaldía recolle polo tanto a modificación no pagamento de diferentes taxas como son as de ocupación de dominio público no mercado de Sabarís, ocupación de terreos de uso público con mesas e cadeiras, a prestación do servizo de ensino na Escola de Música, ocupación da vía pública, prestación de Axuda no Fogar, desempeño de actividades deportivas no pavillón municipal ou o prezo público pola utilización de instalacións municipais.

Doutra banda, inclúese neste paquete de medidas a ampliación de prazos para o pagamento de taxas ou impostos en período voluntario, que amplían o prazo ata o 30 de abril de todas as liquidacións tributarias emitidas e notificadas antes do 18 de marzo de 2020, “salvo que gocen dun período de pago máis favorable”. Asemade, o Decreto de Alcaldía modifica o cómputo de prazos en procedementos de aplicación de tributos, sancionadores e de revisión e, do mesmo xeito, anuncia a suspensión do prazo para interpoñer recursos ata a finalización do estado de alarma.

Como última medida, establécense tamén modificacións no que atinxe ao fraccionamento e prazos para atender requirimentos e solicitudes de información e conclúese especificando que “o aprazamento de pago dos diferentes tributos e fraccionamentos afectados polo estado de alarma, sinalados nos puntos anteriores, non conlevará para o contribuínte a xeración de ningún xuro de demora”.

Todas estas medidas están expostas, polo miúdo, tanto no taboleiro de anuncios da Casa do Concello como na páxina web do Concello de Baiona: http://www.baiona.org.

Para o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, estas medidas “son de xustiza e contribúen a aliviar a situación da veciñanza nun momento complexo como o que estamos a vivir”. Carlos Gomez adiantou tamén que nesta vindeira semana, o Equipo de Goberno adoptará unha serie de medidas fiscais e poñerá en marcha un Plan de Reactivación Económica.

“A crise sanitaria que estamos a vivir e o estado de alarma decretado -explica o rexedor baionés- terán un gran impacto na economía local e o Concello, como administración máis próxima a cidadanía, ten a obriga de poñer en marcha todas aquelas medidas que axuden a que as nosas empresas e as e os autónomos, poidan reiniciar a súa actividade da mellor maneira posible”.

Anuncios