A Deputación ponse a disposición da Xunta para o reparto do material sanitario nos concellos

A Deputación de Pontevedra púxose este sábado “a total disposición da Xunta de Galicia, como administración competente, para colaborar “nun reparto máis eficaz, obxectivo e equitativo” de material sanitario nos concellos da provincia, “conscientes das dificultades que está atravesando o goberno galego para facer unha distribución equilibrada que estea a dar resultados”.

O goberno que preside Carmela Silva, seguindo na liña de “absoluta cooperación” para facer fronte á crise sanitaria do coronavirus e atendendo tamén “a desesperación de alcaldes e alcaldesas ante a falta de material”, aceptou a petición do Vicepresidente galego de que as deputacións participen na distribución do material.

Por todo elo, nunha carta que remitirá este luns a Alfonso Rueda, a Deputación solicitará 200.000 máscaras e outro material sanitario, “para comezar canto antes o reparto entre os concellos da provincia de Pontevedra”. O goberno provincial explicou que a información que tiña ate agora era que a distribución de máscaras só podía facela a Xunta ao través dos Postos de Mando Avanzados. Sen embargo, “se nos piden axuda para botar unha man, como estamos a facer con todas as administracións, aí estaremos e máis cando nos están a enviar tantas comunicacións os alcaldes e alcaldesas da provincia, ante a situación de que non lles está a chegar o material e que o que chega é insuficiente ou incluso de mala calidade”.

Anuncios