A Xunta aboará os menús dos comedores escolares ás familias con menos recursos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe tralo Consello da Xunta que a Administración autonómica aboará os menús dos comedores escolares xestionados polo Goberno galego ás familias con menos recursos, mentres estean suspendidas as clases presenciais.

En total beneficiaranse preto de 51.000 alumnos, dos cales 45.000 corresponden ao segundo ciclo de Educación Infantil, Primaria e ESO e uns 6.000 ao primeiro ciclo de Educación Infantil, que vai dos 0 aos 3 anos.

No caso do alumnado do segundo ciclo de Educación Infantil en adiante, a axuda estará destinada aos 40.480 usuarios que gozan de comedor gratuíto, que contarán cunha axuda de 2,5 euros por día lectivo; e aos 3.813 que o teñen semigratuíto (no caso dos que pagan un euro ao día), que recibirán unha axuda de 1,5 euros por cada día lectivo. Para levalo a cabo, unha vez que esta orde se publique no DOG, as familias beneficiarias poderán presentar a solicitude ata o día 6 de abril a través da sede electrónica da Xunta.

No caso das escolas infantís de 0 a 3 anos, a axuda económica irá destinada ás preto de 6.000 familias que pagan mensualmente 27 euros ao mes ou menos polo comedor da súa filla ou fillo, incluíndo aquelas que non pagan nada porque o teñen bonificado ao 100%.

Anuncios