A Garda Civil intercepta en Baiona a un presunto furtivo con 28 quilos de polbo e 8 de nécoras

A Garda Civil comisou en Baiona un lote de 28 quilos de polbo e preto de 8 quilos de nécoras que se transportaban nunha furgoneta sen a preceptiva documentación que amparase a súa legal circulación e tenencia.

A intervención produciuse onte no transcurso dun punto de verificación selectiva de vehículos que tiñan establecido as patrullas do Seprona da Garda Civil do Porriño e Vigo, á altura do Km. 15,800 da estrada PO-552, na localidade de Baiona.

O condutor do vehículo interceptado no control, unha furgoneta isotermo que supostamente se dedicada ao transporte de peixe, foi retido baixo a sospeita de transportar produtos do mar extraídos de maneira furtiva e no seu interior localizáronse 7.7 quilos de nécoras, supostamente capturadas en época de veda, e 28 quilos de polbo, algúns deles sen cumprir o peso mínimo establecido, que circulaban sen ningún tipo de documentación nin xustificante de compra na lonxa ou outro lugar autorizado.

Ao identificar o condutor e propietario da mercadoría informóuselle que se procedía á aprehensión do polbo e das nécoras, ao mesmo tempo que se lle denunciaba como suposto autor de senllas infraccións administrativas á vixente Lei de Pesca de Galicia.

Tanto o polbo como as nécoras entregáronse nun comedor social de Vigo e as denuncias remitíronse ao órgano competente da Consellería do Mar, da Xunta de Galicia.