Protección Civil Val Miñor inicia o reparto de alimentos en Baiona

Oito membros de Protección Civil Val Miñor iniciaron este xoves o reparto de alimentos polas diferentes parroquias do municipio de Baiona para axudar á poboación máis vulnerable nestes momentos. A través deste servizo, posto en marcha a través do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Baiona e coa colaboración da ONG local “Ayuda al Mundo Necesitado”, puidéronse entregar alimentos de primeira necesidade a 20 familias. Os días 1 e 2 de abril continuarán co reparto, esta vez para 40 familias.

O obxectivo deste dispositivo é levar alimentos ás persoas que teñan algunha limitación física, de saúde ou que simplemente non poidan acudir ao supermercado para adquirir os produtos de alimentación básica. Tamén se ocuparán de facerlles chegar calquera medicamento que necesiten. Todos aqueles que precisen deste servizo deben poñerse en contacto co Departamento de Servizos Sociais chamando ao número de teléfono 986 385 926.

Os membros de Protección Civil Val Miñor foron activados o pasado 13 de marzo a través do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia. Agora mesmo hai dispoñibles 30 voluntarios, dos cales 12 comezarán este servizo. Tamén colaboran coas forzas e corpos de seguridade no control da limitación da circulación polo estado de alarma, facendo roldas por Baiona, Gondomar e Nigrán, observando se algunha conduta está tipificada como non permitida no Real Decreto, informando os cidadáns, e en caso omiso, dando aviso ás forzas e corpos de seguridade.

Tamén teñen competencias no ámbito de desinfección de lugares públicos, de apoio loxístico a medios de intervención ou visitas ás persoas maiores que viven soas para comprobar o seu estado. “Estamos totalmente dispoñibles e dispostos a colaborar en todo o que sexa necesario”, sinalaba este martes Iago Álvarez, membro de Protección Civil Val Miñor.

Anuncios