“Ata nas peores circunstancias, o PSOE provincial prefire confrontar que sumar esforzos”

O deputado autonómico do PP de Pontevedra, Alberto Pazos, critica que o PSOE de Pontevedra aposte pola confrontación política “ata nas peores circunstancias. Cando o que os cidadáns esperan de todos nós é que rememos xuntos, traballemos unidos e aportemos, o PSOE de Pontevedra ten que amosar a súa peor cara, a da confrontación continua e constante”.

Para o popular é lamentable que “non esperasen nin un día para saír a queixarse, o que demostra que é o que pretenden. E, ademais, critican á única administración que está colaborando cos concellos no envío de material sanitario. Que recibiron os concellos da subdelegación? Nada, e iso que a compra e o reparto de guantes, máscaras e outro material está centralizada no Goberno central desde que decretou o estado de alarma”.

Polo tanto, engade, estes envíos están motivados pola incapacidade do Goberno central, que non envía máscaras nin guantes nin outros instrumentos de primeira necesidade para que os profesionais poidan traballar con seguridade e garantías nesta pandemia, e tamén polo “auxilio” que pediron os concellos, a través da Fegamp, á Xunta de Galicia. Precisamente co seu presidente, o socialista Alberto Varela, se pactaron hai uns días os criterios de reparto deste material.

Pazos recorda que a Xunta está sufrindo escaseza de material, común ao resto de España, derivado da incapacidade do Goberno Central para executar a adquisición e distribución centralizada de material. Así, incide en que este é só o primeiro día de envío, que se manterá ao longo das próximas semanas cos concellos, a menos de que algún deles renuncie a recibir o material.

En total neste primeiro envío distribuíronse preto de 16.000 máscaras e 200.000 guantes, material que conseguiron as delegacións da Xunta a través de doazóns, do contacto con empresas e provedores, e incluso dos propios centros de ensino. “E xa o colmo é que critiquen e cuestionen a calidade das máscaras que moitas persoas están facendo de xeito totalmente voluntario”.

“Xa sabemos que o que lle gusta ao PSOE provincial e á presidenta da Deputación de Pontevedra é gastar os seus recursos en publicidade a toda páxina nos medios de comunicación, tamén nesta época de pandemia, pero o que deberían facer é ter altura política, traballar conxuntamente e reclamar a quen ten que facer o reparto de material, que é o Goberno central, que dea resposta ás necesidades dos concellos da provincia”.

Anuncios