Adiántase o concurso de carteis do Nigranjazz para ofrecer unha alternativa de ocio e creatividade

O Concello de Nigrán adianta a convocatoria do xa tradicional concurso de carteis “Quin Alborés”-Nigranjazz co obxectivo de ofrecer unha alternativa de ocio e creatividade neste período de confinamento. O certame, dotado con 500 euros á proposta gañadora, ten como propósito elixir a imaxe que represente a 14 edición do Nigranjazz, un festival onde música e deseño van da man. O prazo de presentación de propostas (que se poden enviar mediante correo electrónico) comeza este venres 27 de marzo e finaliza o martes o 12 de maio. As bases para participar poden consultarse na web do Concello www.nigran.es ou no Facebook Concello De Nigrán.

“Lanzamos este concurso pensando en todos os creativos e deseñadores gráficos que están nas súas casas confinados e, en moitos casos, incluso sen traballo. Desde o Concello seguimos adiante traballando cara o Nigranjazz 2020 que, se todo vai ben, será o 24 e 25 de xullo, se fose preciso modificar as datas non implicaría ningún cambio con respecto a este certame e a imaxe elixida”, indica o alcalde, Juan González.

O concurso está aberto a persoas físicas maiores de 18 anos, podendo presentar cada unha delas un máximo de dúas obras, coa condición indispensable de ser inéditas e cunha estética relativa ao mundo do jazz.

Os orixinais realizaranse en formato vertical, en tamaño A2 (594 x 420 mm.) cunha calidade mínima de 350 ppp. Os traballos presentados deberán garantir o anonimato de acordo co previsto nas bases e poderán enviarse por correo electrónico ou por Rexistro ou Correos se as circunstancias derivadas do Covid-19 o permitisen e seguindo as indicacións facilitadas nas devanditas bases.

Este certame rende homenaxe desde o ano 2010 ao artista nigranés Quin Alborés, gran amante do jazz e quen impulsou o festival desde o seu comezo deseñando os seus tres primeiros carteis.