A Deputación habilita a liña 2 do Plan Concellos para facilitar novos recursos á loita contra o Covid-19

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Rolda de prensa de Carmela Silva.

A Deputación de Pontevedra vén de remitir unha carta aos 59 concellos da provincia beneficiarios do Plan Concellos para informalos da habilitación da liña 2 do Plan 2020, dedicada a amortizacións, gasto corrente e actividades, para facilitar o destino dos seus recursos á loita contra o coronavirus. Deste xeito, a institución provincial pon a disposición dos municipios ata máis de tres millóns de euros para que os concellos teñan a posibilidade de dispoñer de maior liquidez a fin de dar resposta ás necesidades da súa veciñanza nesta situación de crise sanitaria.

En total, ata o de agora, os concellos tiñan xa solicitado recursos da liña 2 por valor de 1,3 millóns de euros, quedando pendentes de resolución outros 1,7 millóns. Con esta nova medida da Deputación de Pontevedra, aos concellos que xa teñan algunha subvención concedida ao abeiro desta liña 2 facilítaselles presentar a súa desistencia total ou parcial á mesma ou modificala para destinar os recursos ao que estimen máis prioritario ou urxente no contexto actual. Ademais, os concellos que presentaron solicitude pero aínda non a tiñan resolta por mor desta situación poderán tamén presentar a súa desistencia ou modificación.

Mediante esta medida, a Deputación de Pontevedra pretende flexibilizar aínda máis os recursos postos a disposición dos concellos da provincia, como xa se fixo con outros programas provinciais como as axudas de emerxencia, o Plan do Servizos Comunitarios, a liña de axudas extraordinarias ou os anticipos do Fondo de Liquidez do ORAL.

Anuncios