O BNG esixe información puntual das medidas do Concello de Gondomar ante a crise do coronavirus

O BNG como organización local e nacional ponse a disposición das institucións das que forma parte para colaborar e poñer a disposición desas institucións as súas propostas e toda a súa capacidade de traballo, como xa declararon os seus representantes ao longo destes días. Para iso, o BNG considera que deben existir canles de comunicación, a través das cales coñecer, colaborar e propoñer medidas que redunden na procura da mellor resolución desta crise do COVI19.

Por ese motivo, xa o pasado luns 16 de marzo, a Portavoz Municipal do BNG en Gondomar solicitou ter co goberno local unha canle de comunicación fluída e permanente para coñecer de primeira man as actuacións relacionadas coa crise do coronavirus no concello. Tamén para a posta en común de todas as medidas necesarias, a maiores das tratadas na xunta de portavoces do pasado venres 13 de marzo, toda vez que o sábado 14 foi declarado o estado de alarma que implicaba maiores restricións e que afectaba a novos colectivos.

Unha das preocupacións que o BNG trasladou ao Alcalde foi a situación da prestación do Servizo de Axuda no Fogar, xa que á altura do venres pasado aínda estaban a traballar como nunha situación de normalidade, sen ningunha medida de seguridade e sen que a empresa concesionaria lles proporcionase máscaras e outros elementos de protección, tanto para as persoas coidadas como para as coidadoras. “Dado que este servizo é de competencia municipal, o Concello non pode eludir a responsabilidade que ten de instar á empresa a establecer os servizos mínimos prioritarios e a dotar ás persoas traballadoras dos equipos de protección individuais necesarios para prestar o servizo coas máximas garantías”.

O BNG tamén solicitou información de se desde o goberno municipal mantiñan a decisión de que seguise traballando todo o funcionariado do concello, ou se xa se procedera a aplicar medidas propias do estado de alarma, cales e en que departamentos.

“A día de hoxe, a pesar de ter solicitado esta comunicación por distintas vías, a información proporcionada polo Goberno segue a ser escasa e incompleta, polo que o BNG esixe comunicación directa co Alcalde para coñecer de primeira man a información actualizada da situación no concello, incluíndo a incidencia do virus no Val Miñor e concretamente en Gondomar, se se coñece, e establecendo fórmulas de comunicación co conxunto das forzas políticas da corporación para consensuar, se fora preciso, novas medidas de actuación”, indica a Portavoz Municipal. “Téñase en conta que esta ausencia de comunicación na práctica impide a colaboración das forzas da oposición, a non ser que iso sexa o que se pretende”.

Así mesmo, o BNG solicita que a información a respecto de todas as medidas adoptadas, así como os teléfonos de interese para a poboación, figuren de forma explícita e detallada na web do Concello, que neste momento debe ser actualizada permanentemente, pois é a canle de comunicación segura para o conxunto da cidadanía á que se lle pide que non saia da casa, tal e como fai o propio alcalde a través das redes sociais.

“En situacións coma esta, queda en evidencia a forma de se comunicar coa cidadanía deste alcalde e do seu equipo: en lugar de crear e manter unha canle institucional a través da web e das redes sociais, a escasa información que existe é tratada como información do alcalde, maioritariamente mediante fotografías en que el sae retratado nun 80% dos casos”.

“Lamentamos ter que manifestar a nosa crítica pola ausencia de diálogo nun momento tan complexo e delicado. E lamentamos que as medidas que se adoptan teñan o nesgo propagandístico que o alcalde lle dá sempre a todo, colocándose diante do obxectivo. O despregue realizado este luns 23 en Gondomar sería axeitado, se non resultase obsceno que nas circunstancias actuais de confinamento da poboación e escaseza de medios e equipamentos axeitados para as persoas que traballan, máis ca unha patrulla de desinfección o traballo realizado parecese un paseo en que non se gardaban as distancias de seguridade e se empregaban innecesariamente equipos de protección. Un traballo de desinfección coma este, realízase no momento en que non hai xente na rúa e non facendo saír a xente que facía ringleira na beirarrúa para a estrada. Ou que se aproveiten estas datas para facer outros traballos que se poden realizar en calquera momento, indo en contra das recomendacións de quedar en casa”, indica Rodríguez.