O Executivo solicitará ao Congreso a ampliación do estado de alarma ata o 11 de abril

Pedro Sánchez compareceu na Moncloa tras celebrar unha videoconferencia cos presidentes e presidentas das comunidades e cidades autónomas, a quen comunicou a decisión de ampliar o estado de alarma vixente en todo o territorio nacional por outros quince días. De acordo co artigo 116 da Constitución, que establece que é necesaria a autorización do Congreso dos Deputados para prorrogar ese estado, o Consello de Ministros do próximo martes acordará solicitar que se estenda ata o 11 de abril.

O presidente mostrouse convencido de que as forzas parlamentarias apoiarán a prórroga. “É unha medida drástica, das máis drásticas das adoptadas polos países da nosa contorna. Sei que é moi incómoda para o conxunto da cidadanía española e que está a afectar por completo á vida das familias, pero os expertos coinciden en que é efectiva na loita contra o coronavirus”, manifestou.

Novas medidas contra o COVID-19

Na rolda de prensa, Sánchez detallou cinco novas actuacións do Executivo na “guerra permanente” contra o COVID-19.

En primeiro lugar, o Goberno vai poñer ao dispor do conxunto das comunidades autónomas todas as instalacións e os medios materiais e humanos das residencias privadas de maiores, como xa se fixo coa sanidade privada. O obxectivo -indicou- é paliar a saturación destes centros e mellorar as condicións de vida dos maiores, así como reducir o seu nivel de risco de contaxio.

En segundo lugar, como acordaron os países membros do Consello Europeo, restrinxiranse durante trinta días todas as viaxes que se realicen desde terceiros países e non sexan imprescindibles. A medida non se aplicará aos residentes na UE e o espazo Schengen que se dirixan ao seu lugar de residencia, os traballadores transfronteirizos, os transportistas de mercadorías, o persoal de voo, os turistas que regresen aos seus países de orixe, ao persoal sanitario ou de coidado de maiores, o persoal diplomático e aquelas persoas que acrediten motivos de forza maior.

En terceiro lugar, as Forzas Armadas van ampliar as súas actuacións en tres ámbitos: o traslado de enfermos de centros hospitalarios saturados a centros próximos con recursos sanitarios dispoñibles, a seguridade de infraestruturas críticas e o apoio loxístico en áreas como a distribución de material sanitario e de persoal.

O Goberno, en cuarto lugar, facilitará recursos aos concellos para a repartición a domicilio de comida e de produtos de primeira necesidade e farmacéuticos, co fin de que as persoas maiores non teñan que saír do seu domicilio.

Por último, o Executivo decidiu establecer unha reserva estratéxica de produtos para loitar contra posibles futuras pandemias.

Unidade de acción e determinación política

O presidente do Goberno e os das comunidades e cidades autónomas repasaron durante a videoconferencia -a segunda destas características- as actuacións que de maneira coordinada están a levar a cabo, así como o seu impacto.

O xefe do Executivo prometeu e pediu colaboración aos responsables autonómicos, que lle manifestaron o seu apoio e comprensión, segundo explicou Sánchez. O presidente subliñou a importancia da unidade de acción de todas as administracións públicas, así como das organizacións privadas: “Será unidos como resistiremos e como venceremos ao virus”.

Pedro Sánchez afirmou que “veñen os días difíciles que van poñer a proba toda a nosa capacidade” e que España superará a crise grazas ao sacrificio da sociedade española, o sistema e os profesionais sanitarios, o asesoramento científico e unha “absoluta” determinación política. “Para gañarlle ao virus estamos a poñer ao servizo do conxunto de España todos os recursos ao noso alcance para que esta emerxencia dure o menos posible e co menor custo en vidas, en empregos e en empresas”, asegurou.

Responsabilidade e disciplina

Esa vitoria -destacou- require tamén de responsabilidade e disciplina social e cívica: para frear o contaxio é fundamental manter o confinamento, non viaxar a unha segunda residencia e evitar o contacto físico coas persoas de máis idade. “Quen se crea á marxe da situación e pretenda seguir coa súa vida normal debe ser consciente de que se comporta como un aliado do virus”, sostivo. Sánchez tamén alertou sobre o perigo de difundir noticias falsas ou consellos contrarios á autoridade científica.

O xefe do Executivo reiterou o seu agradecemento á cidadanía pola solidariedade e o civismo que está a demostrar durante estes días. Ese espírito colaborativo e a acción espontánea de tantos particulares é un exemplo para os responsables públicos, dixo Sánchez, quen remarcou que “isto non vai de territorios, de ideoloxías ou partidos, senón de gañarlle a partida ao virus”.