Sin categoría

Baiona confeccionará unha listaxe de voluntarios para axudar á poboación máis vulnerable

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, xunto co resto do Grupo de Goberno, seguen traballando para cumprir cos protocolos impostos polo Goberno Central para loitar contra o COVID-19 e en novas iniciativas para axudar aos veciños a levar mellor a corentena. Dentro destas iniciativas, que se están a traballar dende o Grupo de Goberno, ao igual que se está a facer noutros concellos da comarca, confeccionarase unha listaxe de voluntarios para axudar á poboación máis vulnerable nestes momentos.

Os veciños e veciñas que queiran participar nesta iniciativa teñen que cumprir os seguintes requisitos: ter unha idade comprendida entre os 18 e 55 anos e non padecer afeccións como inmunodepresión ou enfermidades crónicas cardíacas, pulmonares, renais, hepáticas, sanguíneas ou metabólicas (diabetes). Dita listaxe será confeccionada pola Concellería de Servizos Sociais e a partires deste luns as persoas interesadas poderán anotarse a través dunha chamada ao número 986 385 926.