
Alberto Núñez Feijóo presidiu este mércores a reunión do Consello da Xunta para aprobar o decreto polo que se deixa sen efecto a convocatoria electoral prevista para o vindeiro 5 de abril, despois dun acordo entre todos os partidos representativos da Comunidade.
“En apenas unhas horas de diálogo fomos quen de chegar a un consenso que, hoxe, quedou referendado no decreto aprobado polo Consello”, confirmou, avanzando que será publicado hoxe no DOG e remitido ao BOE.
Así mesmo, explicou que este decreto, que deixa sentadas as bases da futura convocatoria das eleccións ao Parlamento de Galicia, foi aprobado despois de coñecer o ditame da Xunta Electoral.
Sobre este punto, trasladou que a Xunta Electoral referendou a decisión tomada cunhas conclusións “moi claras”: que a repetición íntegra do proceso é a mellor solución para garantir que se poidan dar as condicións axeitadas para unha nova celebración dos comicios. Que a decisión de que as eleccións autonómicas non se celebren corresponde ao presidente da Xunta, dados os estados de alarma e de emerxencia sanitaria. E que a Deputación permanente do Parlamento non é imprescindible para o desenvolvemento deste procedemento en concreto.
Deste xeito, en canto se levanten os estados de alarma e de emerxencia sanitaria, procederase a convocar desde cero as eleccións autonómicas, coa particularidade de que serán oídos os partidos políticos antes de que o presidente da Xunta decida a data exacta.