A última “mala xestión” do trigoberno de Baiona impide que os veciños se aforren 36.000 euros no recibo do lixo durante 2020, o 10% no recibo do concello, por non entregar este a documentación a Sogama antes do 28 de febreiro. De facelo, todos os baioneses beneficiaríanse desta bonificación que xa solicitara o goberno anterior do PP a Sogama e que só estaba pendente da entrega dos últimos documentos establecidos na orde que simplemente eran unhas campañas de reciclaxe e o compromiso do goberno de repercutir este aforro nos cidadáns.
A empresa de tratamento de residuos sólidos urbanos, Sogama, daba a oportunidade a todos os concellos adheridos ao seu modelo de tratamento, o 77% dos municipios de Galicia, de solicitar esta quita do 10% no canon do lixo, o que supoñería para os baioneses poder aforrarse 36.000 euros ao ano dos 360.000 que o municipio paga anualmente á empresa pública. Ante os beneficios desta medida para todos os veciños, o goberno local anterior solicitou en prazo acollerse a este aforro e foille concedido poucas semanas despois. En total solicitárono 224 concellos, entre eles Baiona, e a 139 fóiselles concedido por cumprir cos requisitos (63%). De feito, nos últimos recibos xa se aplicou este desconto á espera de que o Concello entregase a última documentación para continuar aplicándoo. Agora, con todo, esa rebaixa terá que ser abonada de novo nas novas facturas.
“Resulta algo inexplicable e posiblemente inaudito que un Alcalde, e que ademais presume de progresista, rexeite o aforro dos seus veciños a pesar de telo concedido”, critican desde o PP de Baiona e consideran “necesario” que o Alcalde, como máximo representante de todos os veciños, “dea unha explicación ante esta decisión tan incoherente e prexudicial para eles”. “Unha vez máis, este goberno tripartito nin se molestou en enviar a documentación para beneficiarse de algo que xa estaba concedido antes de que chegasen eles ao Concello. Outra proba da falta de interese e a inaptitude do PSdeG, BNG e Nós”, apostilan.

