O Monte Real suspende a Liga de Inverno de J80 e as clases da súa Escola de Vela polo coronavirus

FOTO: ROSANA CALVO // Unha das saídas que os J80 tiveron que repetir pola caída do vento.

O Monte Real Club de Yates decidiu suspender sine die e ata próximo aviso a Liga de Inverno de J80 que viña celebrando en Baiona desde o pasado mes de xaneiro así como as clases da súa Escola de Vela.

Desde o club aseguran que se tomou a decisión por coherencia sanitaria e responsabilidade social, para evitar calquera risco innecesario aos participantes da liga e alumnos da escola. Trátase, din, da mellor medida de prevención que poden poñer en marcha desde o club ante o avance do coronavirus.

Así as cousas, a cuarta xornada da competición que tiña previsto celebrarse o sábado día 21 queda suspendida ata próximo aviso. A Liga de Inverno de J80 súmase así á multitude de eventos deportivos e sociais cancelados ou suspendidos nos últimos días tras o avance do Covid19.

Anuncios