Panxón despedirá este xoves ao patrón do Marsua J

Este mércores confirmouse a identidade do corpo sen vida localizado o martes na zona de Freu da Porta, entre as dúas illas Cíes, polo pesqueiro Novo Meira. Trátase do patrón do Marsua J, Jorge Emilio Martín Costas, veciño de Panxón, que naufragou o pasado 25 de febreiro. O outro tripulante, Jose Manuel Freire Leyenda, veciño de Baiona, foi achado xunto á embarcación, localizada “quilla ao sol”.

O cadáver foi recuperado polo helicóptero Pesca I do servizo de Gardacostas de Galicia, que recibiu apoio por mar da patrulleira da Garda Civil Corvo Mariño, que posteriormente recolleu o corpo no peirao de Carracido en Cíes para ser trasladado a un dos complexos náuticos de Bouzas.

Foi a propia tripulación, segundo fontes de Salvamento Marítimo, quen deu a voz de alarma tras avistar o corpo sen vida ao redor das 11:30 horas mentres estaban a faenar na zona. A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Policía Nacional e Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vigo.

Jorge Emilio Martín Costas, de 53 anos, será incinerado este xoves, día 12, na intimidade familiar. Os seus restos mortais sairán ás 16:45 horas do Tanatorio Val Miñor de Sabarís, para celebrar os funerais ás 17:00 horas no Templo Votivo do Mar de Panxón.