O chef do Talaso, Javier Fins, representará á cociña atlántica no evento “7 chefs, 7 pratos”

O chef do restaurante Faro, en Talaso Atlántico, Javier Fins, representará á cociña atlántica no evento 7 chefs, 7 pratos que se celebrará en Madrid o próximo 21 de marzo e que cumpre a súa quinta edición. Trátase dun gastroshow no que sete recoñecidos cociñeiros españois preparan, en directo, cada un deles, un prato. Fins estará acompañado neste encontro de alta cociña polo albaceteño Quique Cerro, vicepresidente da Selección Española de Cociña Profesional; Rubén Sánchez, chef de Epílogo, en Tomelloso; Rebeca Hernández, xefa de cociña de Taberna La Berenjena, en Madrid; Sergio Arias, de Eboli Gastro Restaurante, en Pinto; Adrián Carrasco, cociñeiro de Gastrovía 61, en Madrid, e Justo Almendrote, mestre chocolateiro e embaixador gastronómico da Comunidade de Madrid.

Javier Fins é o máximo responsable dos fogóns de Talaso Atlántico desde fai máis de oito anos. Desde entón, creou un estilo propio de cociña onde o Atlántico é o principal protagonista pero con incursións tamén cara ás cociñas do mundo. Fins forma parte da xeración de cociñeiros galegos que apostaron por innovar cada día na cociña da súa terra, respectando por encima de todo o produto local e de tempada. Estradense de nacemento, unha das características da cociña de Javier Fins é o uso da auga de mar en moitas das súas elaboracións e a presenza de algas nalgúns dos seus pratos. De feito, Talaso Atlántico cultiva un tipo de microalga que o chef utiliza na súa cociña.