Patos acolle a XVIII edición do Trofeo Concello de Nigrán de surf xuvenil

A praia de Patos acollerá esta fin de semana a XVIII edición do Trofeo Concello de Nigrán de surf xuvenil, primeira proba do circuíto galego, organizado por Prado Surf Club, a Federación Galega de Surf e o Concello de Nigrán. Coincidindo coa maioría de idade do campionato tamén será proba puntuable do circuíto EURO REXIÓN (esta será a proba galaico-lusa júnior e en Viana, Portugal, realizarase en xuño a proba luso-galaica).

Ademais de ser unha proba puntuable para o circuíto sub 18, sub 16, sub 14 e sub 12 de surf e bodyboard masculino e feminino, será unha proba que evoque á igualdade e á sensibilidade da comunidade surfista pola preservación do medio ambiente. Haberá unha categoría de sub 12 surf mixto que representará o surf como ferramenta para fomentar a igualdade de xénero e a igualdade de oportunidades no deporte e na vida.

Ao finalizar desenvolverase unha limpeza de praia coa idea de analizar os residuos e clasificalos para logo reciclar e sensibilizar aos mozos de reducir, rexeitar e reciclar. Estará dirixida polo rider Leo Zambrano e apoiada polo seu patrocinador, a marca REEF. Tamén haberá unha simulación de rescate de golfiño explicada pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

Ademais amenizarán a entrega de premios coa banda de rock xuvenil The Young Dogs, do que é vocalista Antón Sanildefonso, pertencente ao equipo de Prado Surf, que fará as delicias dos asistentes. A entrega de trofeos realizarase o sábado a partir das 19:00 horas nas categorías sub 12 e sub 14, e o domingo á mesma hora nas categorías sub 16 e sub 18 de surf e bodyboard.

Á mesma asistirán o alcalde, Juan González, o concelleiro de Deportes, Luis Sanromán, o presidente da Federación Galega de Surf, Román Díez, e a vicepresidenta de Prado Surf Club, Lorena Vilán.