Nigrán acollerá o festival internacional de curtametraxes “Nuestra Salud”

O Auditorio Municipal do Concello de Nigrán acollerá o 25 de abril a entrega de premios da quinta edición do festival internacional de curtametraxes “Nuestra Salud”, coa participación de traballos de temática sanitaria procedentes de todo o mundo. No certame, convocado pola organización sen ánimo de lucro Laboratorio Polimedicado (formada por profesionais sanitarios de toda España) en colaboración co Concello de Nigrán e o grupo “Oes, Ves” do Centro de Saúde Val Miñor, haberá premios de 1.500 € (1º), 1.000 € (accésit), 500 € (público) e un especial de 300 € “Concello de Nigrán” para o mellor de autoría miñorana. O prazo para participar permanece aberto ata o 31 de marzo, podéndose consultar as bases en http://polimedicado.org/bases.

“Oes, Ves” está formado por profesionais dos centros de saúde do Val Miñor, grupo que se ten presentado desde a primeira edición a este certame internacional no que sempre participan traballos procedentes de toda Europa e Sudamérica. A entrega de premios do ano pasado foi en Vitoria e as anteriores en distintas cidades de Extremadura, sendo esta a primeira vez que se realiza en Galicia, neste caso en Nigrán.

“A médica miñorana Concha Nogueiras, do grupo “Oes,ves”, ofreceu ao Concello de Nigrán esta posibilidade de colaborar e non o dubidamos, é unha honra dar cobertura a este certame no que se divulgan boas prácticas entre a poboación, cuestión de máxima actualidade agora mesmo”, explica o alcalde, Juan González.

Este concurso de curtametraxes sobre saúde está aberto á participación de toda a poboación. O lema é “Nuestra Salud” e os traballos deberán versar sobre algunha/as das seguintes temáticas:

– A nosa Saúde. O tema principal desta edición céntrase na importancia da boa relación e coordinación de todos os recursos para alcanzar “Nuestra Salud” (comunidade, políticas sociais e sanitarias, farmacia, hospital, atención primaria….).

– Desmedicalizando o cotián. Accións que se dirixen a reverter o proceso de medicalización da vida, entendida como aquel en o que eventos da vida cotiá son convertidos en problemas de saúde, e desde esa perspectiva son abordados e tratados por diferentes profesionais da saúde.

Toda a información ao respecto está en www.polimedicado.org