Baiona prepárase para albergar un dos nacionais de Trial máis numerosos dos últimos tempos

Baiona xa respira o ambiente do nacional de Trial que este venres arranca cos adestramentos oficiais desde A Concheira, praia que dá acceso aos rochedos naturais que protexen o sur da vila mariñeira. O Campionato de España de Trial, que organiza a Peña Moteros Val Miñor, acolle a preto de 150 participantes de toda España, divididos en 14 categorías que, repartidas en dúas xornadas de competición, darán cabida aos mellores pilotos do panorama español.

A gran cita das dúas rodas foi presentada esta mañá no Salón de Plenos do Concello de Baiona, nun acto presidido polo seu Alcalde, Carlos Gómez, e ao que acompañaron Daniel Benavides, Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia; José Durán, presidente da Peña Moteros e Nano Ferro, en representación da Real Federación de Motociclismo Española. “Gustaríame agradecer á Peña Moteros Val Miñor a súa implicación na organización destes proxectos”, comentaba o máximo rexedor de Baiona, Carlos Gómez.

“Baiona é un referente na organización de eventos deportivos cunha gran calidade humana”, explicaba Benavides. “Baiona é unha vila trialeira desde os anos 80, onde xa se corrían probas do circuíto nacional, como os memoriais que se realizaban en recordo de Luis del Río”, argumentaba Ferro. “As cifras que se manexan en torno aos 150 pilotos non son nada desatinadas, debido ao gran número de categorías que van participar”, terminaba dicindo. “É certo que somos un referente a nivel mundial. A Federación Internacional sempre nos está pedindo que organicemos unha proba do seu calendario”, comentaba Durán.

Os TR3, TR4, Cadete 125 CC., Cadete Sup. 125 CC., Feminino TR2, Feminino TR3, Xuvenil A, Xuvenil B, Veterano e E-Trial (eléctricos) están programadas para o sábado con inicio ás 10.30 horas da mañá, con dúas voltas a 10 zonas, das que o 60% desenvólvense nas pedras sobre o mar e o 40% restante en montaña, baixo as murallas do Parador Nacional de Turismo, ao redor do Monte Boi.

O mesmo escenario marcará os percorridos do domingo ás 9 da mañá, con dúas zonas máis que o sábado xa que entran en xogo as categorías raíñas do Trial español, como son Júnior, TR3, TR1 Feminino, TR2 e TR1, esta última cos galegos Jorge Casales (Gas Gas) e Gabriel Marcelli (Montesa) loitando polo liderado que, de momento, ostenta o vigués.

A localidade de D’Aitona, en Lleida, acolleu en febreiro a primeira proba do calendario, da que en TR1 Casales alcanzou o liderado, con Marcelli na cuarta praza. O duelo dos galegos, sumado á calidade de pilotos como Adam Raga (TRRS), Jeroni Fajardo (Sherco) ou Jaime Busto (Vértigo) manterá a tensión deportiva, cun Toni Bou (Repsol Honda Team) que non está a participar no Nacional por estar en fase de recuperación dunha lesión.

Son patrocinadores do Campionato de España de Trial o Excmo. Concello de Baiona, Deporte Galego da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Gadis, Monte Real Club de Yates de Bayona, Frutas Vilar, Agua Sana, Panadería La Pintora, Sport Pasión, Talentos Objetivos, Área de Servizo Monte Real, Villa Rosa Baiona, Adegas Valmiñor, Motowash, Allianz, Moto de Campo Sostenible, HJM, Leonelli e as Federacións Real Española e Galega de Motociclismo.

A entrega de premios está prevista ás 15.00 horas do domingo, sobre o escenario que conforma o camión da Real Federación de Motociclismo Española, situado no Paddock do Motor Home, á beira do Paseo da Palma.

Anuncios