Sin categoría

Baiona inicia o arranxo da ponte de madeira da rotonda da Ladeira

Este martes comezaron as obras para o arranxo dunha das pontes de madeira que forman parte do paseo litoral de Baiona a Ramallosa. En concreto é a que está situada ao carón da rotonda que enlaza a PO-552 coa avenida José Pereira Troncoso e coa entrada do Camping Bayona Playa.

A estrutura da ponte parecía estar en bo estado, pero o chan non, coas táboas moi deterioradas. Unha vez levantado o chan púidose comprobar que debaixo deste existía outro que tamén estaba en mala situación. A empresa opina que seguramente nalgunha reparación anterior colocaron a madeira sobre os tablóns deteriorados, en vez de retiralos.

As obras teñen un prazo aproximado de execución de dúas semanas e as realizará a empresa Morgasan, con gran experiencia no sector da madeira. Esta parte do paseo permanecerá pechada aos viandantes mentres duren as obras, procurando darlles unha alternativa.