A Xunta propuxo a Gondomar varias opcións para cubrir a vacante do secretario municipal

A Xunta propuxo ao Concello de Gondomar varias opcións para que puidese cubrir a vacante do secretario municipal por incapacidade temporal do titular da praza. Deste xeito, informóuselle da opción de cubrir cun funcionario interino da bolsa autonómica destinada dar cobertura ás prazas vacantes para desempeñar postos de habilitación nacional nos concellos galegos que así o precisen.

O Goberno galego tamén lle trasladou ao concello que tiña outras alternativas como a acumulación de funcións a outro funcionario habilitado ou recorrer á prestación dos servizos de asistencia a municipios da Deputación Provincial para supostos concretos de ausencia temporal do secretario ou interventor. O Goberno municipal non respondeu polo momento por cal das tres modalidades se decantaba.

A Xunta xa dou resposta cando o concello solicitou un nomeamento de persoal accidental dun funcionario de carreira do propio municipio que se lle concedeu o pasado 5 de febreiro. Deste nomeamento, limitado a un prazo dun mes, non puido aceptarse a solicitude de prórroga do Concello, debido a que a proposta non cumpría co requisito de pertencer ao subgrupo A1 requirido para as entidades locais de máis de 5.000 habitantes, en base ao Real Decreto 128/2018 polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración Local con habilitación de carácter nacional.

A Administración autonómica conta cunha bolsa de interinos destinada a cubrir as vacantes dos postos de habilitación nacional que existan nos concellos galegos. Trátase dun sistema áxil, eficaz e que libera ás entidades locais do custo económico dun proceso selectivo e con respecto á súa autonomía local. Os concellos interesados poden solicitar voluntariamente a cobertura destes postos a través deste procedemento cando non poden facelo de xeito definitivo ou en comisión de servizos, acumulación ou nomeamento provisional.

Polo tanto, a normativa prevé múltiples supostos de cobertura temporal de prazas de habilitados para evitar a paralización dos concellos. Ás alternativas propostas pola Xunta ao concello de Gondomar poden acudir tamén tódolos municipios que se atopen sen funcionariado habilitado e non conten con funcionariado propio da corporación con capacitación suficiente para o desempeño do posto.