O Val Miñor reivindica a igualdade e unha vida libre de violencias

Un ano máis o Val Miñor celebrou o Día Internacional da Muller con tres marchas que partiron desde Baiona, Gondomar e Nigrán para atoparse todas xuntas na Ramallosa e celebrar a revolta feminista, acompañadas da gran Batucada Feminista e de Maruxa o Monicreque Xigante.

Este 8 de marzo póñense os coidados no centro das reivindicacións. Porque o traballo de coidados debe ser o centro e motor da vida. Visibilizando o que está invisibilizado. Porque a meirande parte do traballo dos coidados realízase sen remuneración algunha, pese a que a gratuidade do seu labor aforra custes de saúde, coidado de crianzas, do fogar, das persoas con dependencia, da labranza das terras. E cando estes traballos son remunerados, realízanse en condicións de precariedade e son infravalorados tanto social como economicamente.

Baixo o lema “Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado”, denuncian tamén a dominación e a destrución da natureza por parte do capitalismo e do patriarcado, apostando por recuperar toda esa rede de produción, distribución e consumo ecolóxico, solidario e responsable que durante séculos impulsaron as mulleres no rural galego, combatendo a espoliación do noso territorio, dos nosos bens naturais.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.