Araújo acusa a Ferreira de impedir o control democrático da corporación

O Pleno da Corporación Municipal dun concello é o órgano de máxima representación popular, e en consecuencia, o principal espazo de debate e control democrático que a oposición e a veciñanza teñen sobre o goberno municipal. Para Antonio Araújo, Portavoz do Grupo Municipal de Manifesto Miñor-En Marea, “isto que resulta tan obvio para calquera persoa cunha mínima sensibilidade e práctica democráticas, non o é para o Sr. Ferreira e o PSOE de Gondomar”.

O novo mandato comezou o 20 de xuño de 2019 co pleno de constitución da corporación municipal. O 10 de xullo tivo lugar o pleno de organización, onde se acordou por unanimidade, entre outros acordos, celebrar os plenos ordinarios un cada mes todos os primeiros xoves. “Pois ben, no período de xuño a decembro de 2019, o Sr. Ferreira “eliminou” os plenos de agosto e de novembro, celebrándose os demais ao chou e cando a el lle deu gana. Incluso aqueles que foran pactados coa oposición, tampouco foi respectada a data acordada. Como exemplo desta maneira de actuar do Sr. Ferreira, que non quere fiscalización de ningún tipo, convocou o pleno de decembro o día 23, tendo en conta que rematou pasada a unha da mañá, pódese dicir que fixemos un pleno o día de Noiteboa”, recorda Araújo.

Segundo denuncia Manifesto Miñor-En Marea, no que vai de ano 2020 a tónica segue a ser a mesma. O pleno de xaneiro que tiña que ser o día 2 celebrouse o 16. O de febreiro, previsto para o día 6, tivo lugar o día 13, e por último, o do mes de marzo, pactado por todos os grupos municipais para este luns día 9, simplemente non se convocou sen dar ningún tipo de explicacións.

No apartado de acceder aos expedientes ou incluso a documentos de libre acceso, segundo sinala Araújo, “con este alcalde é unha misión imposible”. “Todo son atrancos e atrasos, incluso oculta documentos que de maneira preceptiva teñen que figurar no expediente dos plenos (Decretos da Alcaldía) e non se inclúen. En MM-EM levamos incluso máis dun mes agardando por acceder a determinada documentación cando a lei fala de 5 días. Por non falar dos “esquecementos” aos grupos da oposición a actos oficiais do Concello”.

“Por que tanto interese en lle ocultar información ou en poñer pexas no acceso á información aos representantes democraticamente elixidos polos veciños? Que se está ocultando? Xa non valen escusas de mal pagador, tipo que non hai Secretario Municipal, cando estamos diante dun goberno municipal con maioría absoluta, coas áreas de goberno perfectamente repartidas e troceadas, e sobre todo con 7 de 9 concelleiros con dedicacións exclusivas. Dende MM-EM consideramos esta actitude do Sr. Alcalde e do PSOE impropia dun goberno democrático e que se di de esquerdas, polo que non descartamos acudir á Valedora do Pobo, ou outras instancias para reclamar os dereitos que temos en canto representantes do pobo”, conclúe Araújo.