A Garda Civil realizou 1.521 probas de alcol e drogas con motivo da Arribada

Con motivo do dispositivo especial que se estableceu a pasada fin de semana con ocasión da Festa da Arribada de Baiona, os efectivos da Agrupación de Tráfico da Garda Civil realizaron algo máis de 1.500 probas de alcol e drogas na rede viaria do termo municipal de Baiona e a súa comarca.

No marco deste dispositivo de seguridade viaria, cuxo obxectivo era poñer fóra da circulación a aqueles condutores que beberan ou consumiran alcol e/ou drogas, os efectivos do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, co apoio do Sector da Coruña, realizaron un total de 1.521 probas para vixiar o consumo de substancias psicoactivas, detectando 56 condutores que deron positivo en alcol e 18 en drogas.

ALCOHOLEMIAS

Dos 56 condutores que deron resultado positivo nas probas de alcoholemia, 53 foron detectados en controis preventivos e os outros tres con ocasión de cometer outras infraccións á Lei de Seguridade Viaria.

As sancións por conducir cunha taxa de alcol superior á legalmente establecida son de multa entre 500 e 1000 euros, e perda de entre 4 e 6 puntos do permiso, Con todo, se a taxa é superior a 0’60 mg/l (1’20 g/l en sangue) constitúe un delito castigado con pena de prisión de 3 a 6 meses ou multa de 6 a 12 meses e, en todo caso retirada do permiso de 1 a 4 anos.

DROGAS

En controis indiciarios de drogas detectáronse 18 condutores que supostamente consumiran estupefacientes, cuxos resultados están pendentes de confirmar polo laboratorio.

Reitérase, unha vez máis, que a lei prohibe conducir con presenza de drogas no organismo do condutor, quedando excluídas as substancias que se utilicen baixo prescrición facultativa e cunha finalidade terapéutica. Esta infracción catalogada como moi grave está castigada cunha sanción de 1.000 € e a retirada de 6 puntos.

OUTRAS INTERVENCIÓNS

Ademais das actuacións anteriores e en aplicación do plan integral de vixilancia, formuláronse 57 denuncias por exceso de velocidade, 23 por non utilizar o cinto de seguridade e facelo incorrectamente, 8 por facer uso do móbil ou distraccións na condución e por conducir de forma neglixente.

Dentro do mesma orde de actuacións preventivas de seguridade viaria destaca o feito de que non se rexistrou ningún accidente de circulación de importancia.

Anuncios