Garda Civil e Policía Local reúnense para renovar e actualizar os acordos de coordinación operativa

Os principais responsables do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra mantiveron onte unha reunión con representantes da Policía Local adheridos ao acordo de coordinación e colaboración operativa.

No transcurso da reunión, que tivo lugar na sede da Comandancia da Garda Civil, os representantes de ambos os dous corpos de seguridade fixeron un balance dos dispositivos conxuntos realizados, convencidos da importancia de facer cumprir a lei, como un dos métodos máis eficaces para reducir a sinistralidade. Como exemplo citáronse os 36 condutores que foron apartados das vías públicas desde que se están realizando estes operativos conxuntos, ben pola comisión infraccións administrativas ou penais, que conlevan a inmobilización do vehículo.

Nesta reunión, tamén se acordou dar continuidade a estes operativos conxuntos, xerar un calendario periódico de intervencións de ambos os dous corpos e deseñar dispositivos integrais, máis eficientes e eficaces, onde se empregarán novas tecnoloxías que axuden a controlar e vixiar o cumprimento da Lei de Seguridade Viaria. Así, entre outras medidas incorporaranse os equipos do Subsector de Tráfico que contan con información específica sobre os condutores de risco.

O obxectivo destas medidas encamiñadas a unha maior cooperación e colaboración operativo-policial é poder disuadir e concienciar aos condutores da importancia de realizar unha condución responsable e finalmente retirar da circulación a aqueles que non se atopen en condicións de efectuar unha condución segura.