Gondomar desenvolverá actividades para os máis novos con motivo do 8M

O Concello de Gondomar sumarase o próximo día 8 de marzo aos diferentes actos que, coincidindo co Día Internacional da Muller desenvolveranse en todo o mundo, e que no caso de Gondomar concretarase cunha concentración e lectura de manifesto ás 11:00 da mañá, así como unha serie de actividades que se desenvolverán durante todo o día centradas en “traballar a sensibilización en materia de igualdade”.

Así se expuxo no Consello Municipal da Muller, celebrado este pasado luns. Este órgano municipal contou coa participación de mulleres representantes de diferentes ámbitos profesionais e sociais como son o tecido asociativo, político, cultural, sanitario e educativo nunha clara aposta de “traballar de forma transversal na loita contra a violencia de xénero e como medio para lograr a igualdade plena de homes e mulleres canto antes”.

Ademais da concentración e posterior lectura do manifesto tamén se informou sobre a colocación, o vindeiro domingo, do “Punto de Igualdade vivo” na Praza da Paradela co obxecto de desenvolver obradoiros para nenas e nenos. Neles traballarase en actividades que buscan a sensibilización en materia de igualdade entre as novas xeracións, á vez que, como en ocasións anteriores, facilitarase información centrada na prevención da discriminación e na loita contra a violencia de xénero.

O Consello Municipal da Muller, neste primeiro encontro da actual lexislatura, aprobou a selección da súa vicepresidenta e analizou a situación actual sociociolaboral, cultural, económica e de trato das mulleres no Concello de Gondomar.