Recadados 11.500 quilos de comida na primeira recollida do Banco de Alimentos

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo recolleu esta fin de semana 11.500 quilos de comida durante a que foi a primeira Operación Quilo de 2020. Dita acción solidaria celebrouse o venres e sábado e, nela, participaron uns 80 voluntarios que facilitaron todas as doazóns que a cidadanía quixo entregar. Grazas aos produtos básicos recollidos poderán repoñerse os que xa escaseaban nos almacéns de Vigo e Pontevedra.

A próxima Operación Quilo desenvolverase este venres e sábado, 6 e 7 de marzo, coa campaña El Zampakilos Solidario promovido nunha trintena de establecementos da cadea Vegalsa-Eroski. A Fundación Provincial Banco de Alimentos necesita a colaboración urxente de 500 voluntarios, para selo hai que darse de alta a través da web ou chamado ao 986263022. Trátase de regalar catro horas do noso tempo a favor das persoas con menos recursos.

Importancia das Operacións Quilo

As Operacións Quilo supoñen un gran impulso sempre debido a que, cando se cumpren case catro meses da celebración da Gran Recollida, os pasados 23 e 24 de novembro, xa hai alimentos de primeira necesidade que foron repartidos. A ONG, que acaba de cumprir 25 anos de actividade, repartiu ao redor de 1,8 millóns de quilos de alimentos durante 2019, atendendo a 20.000 persoas desfavorecidas na provincia, a través das 150 entidades homologadas coas que traballa.

O Banco de Alimentos, que se caracteriza por ser apolítico e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta. Actualmente, cobre o 35% das necesidades das persoas ás que axuda.