Qué tempo fará na Arribada?: Aquí a previsión

Baiona xa ten todo preparado para celebrar esta fin de semana a Festa da Arribada. Agora só falta que o tempo acompañe, con todo, as previsións non son boas.

Segundo MeteoGalicia, o venres teremos unha situación intermedia, coas altas presións retirándose progresivamente, pero deixando aínda estabilidade nesta xornada. Deste xeito os ceos presentarán intervalos de nubes baixas no litoral de Pontevedra e no oeste da Coruña, quedando soamente con nubes de tipo alto no resto. As chuvias iranse xeneralizando xa pola noite e na madrugada do sábado. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas non experimentarán cambios significativos. Os ventos soprarán do sur-suroeste, fortes no litoral, moderados no interior durante o día pero aumentando a moi fortes pola noite no terzo norte.

O sábado Galicia atoparase nunha situación de inestabilidade entre a fronte da noite do venres e a que chegará na madrugada do domingo. Así, os ceos estarán parcialmente anubrados con chuvascos que poden afectar a calquera punto da Comunidade. As temperaturas mínimas estarán en lixeiro ascenso pero as máximas descenderán lixeiramente. O vento soprará de compoñente oeste, con intervalos fortes no litoral norte.

O domingo, as baixas presións que se moven polo Atlántico norte continuarán collendo a Galicia no seu radio de acción. Deste xeito viviremos unha xornada de ceos moi anubrados con chuvias xeneralizadas, máis persistentes na provincia de Pontevedra e sur de Ourense. As temperaturas non terán cambios significativos. Os ventos soprarán moderados de compoñente oeste, con intervalos fortes no litoral da Coruña.

Anuncios