Aparcamento e autobús gratis para desfrutar da Arribada

Baiona ofrecerá por cuarto ano consecutivo durante a Festa da Arribada unha nova alternativa para estacionar o coche. Grazas á colaboración de Zona Franca habilitarase en Porto do Molle unha bolsa de estacionamento duns 10.000 vehículos, con autobuses lanzadeira que achegarán aos usuarios á zona centro de Baiona.

Para evitar o tráfico que se concentra na entrada á vila, os autobuses utilizarán a autoestrada AG-57 para completar o traxecto entre Nigrán e Baiona, saíndo en Baredo, con traxectos de ida e volta cada media hora.

Tanto o aparcadoiro en Porto do Molle como o traslado en autobús será totalmente gratuíto, e estará operativo na xornada do sábado de 11:00 a 00:00 horas e o domingo de 11:00 a 22:00 horas. Deste xeito, os visitantes poderán estacionar os seus vehículos nunha zona segura e gozar tranquilamente da festa medieval.

A Festa da Arribada, declarada de Interese Turístico Internacional, celebrarase este ano os días 28 e 29 de febreiro e 1 de marzo.

Así mesmo, como en anos anteriores, habilitaranse estacionamentos na estrada da Costa, en Sabarís, garantirase o acceso aos aparcadoiros da Palma e Aral. Tamén se aconsella aos condutores, en Sabarís, tomar o desvío pola circunvalación cara a Baredo.

Entre as alternativas para chegar á Real Vila lembrar que as navieiras Mar de Ons e Piratas de Nabia ofrecen a posibilidade de facelo a través do barco que realizará viaxes continuadas desde o peirao de Vigo, Cangas, Moaña e Panxón, ata o porto de Baiona.