“Os empresarios de Baiona só esperamos que a administración pública escoite as nosas demandas”

O presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), Marcos Comesaña, aproveitou a súa intervención na Cea Medieval celebrada este sábado para reclamar o apoio das administracións públicas, “un dos alicerces fundamentais para solucionar os nosos problemas”.

“Nós encargámonos da creación de emprego, de xerar riqueza a través dun motor que se move coa enerxía do noso esforzo, ese motor económico é o que fai un pobo, é o que sostén e dá estabilidade ás familias”, sinalou, lembrando que na actualidade loitan contra o comercio online e as grandes superficies.

“No caso de Baiona, Real Vila e de excelencia, ademais sufrimos a estacionalización, que pon en perigo a estabilidade empresarial e con iso a economía local ou o emprego, polo que os distintos sectores cos que contamos afánanse en buscar a desestacionalización, palabriña moi difícil de pronunciar e á vez moi pronunciada os últimos anos”.

Comesaña resaltou que para que esta “palabriña” teña sentido “hai que crear, dinamizar, investir e colaborar en todo aquilo que poña a Baiona no mapa en todos os aspectos posibles, culturais, gastronómicos, musicais e todos e cada un dos que se nos poidan ocorrer co único fin de atraer visitantes durante todo o ano, ademais hai que apoiar calquera iniciativa ou proxecto que consiga fixar poboación”.

Para todo iso é necesario, segundo insistiu o presidente dos empresarios, o apoio económico das institucións, “que son as encargadas da xestión do noso diñeiro, o de todos, o que se recada cos nosos impostos”. “Cabe lembrar que a Arribada e moitos outros eventos que se fan durante todo o ano son accións dinamizadoras e a súa repercusión chega dalgunha maneira ou outra a todos os cidadáns”.

“Os empresarios necesitamos que as administracións dean continuidade a todo aquilo que axuda ao desenvolvemento comercial, que escoiten e apoien as iniciativas, que nos axuden na loxística e por suposto na parte económica. Os empresarios de Baiona só esperamos que a administración pública escoite as nosas demandas e poña os medios inmediatos para evitar condenarnos a unha morte desoladora que nos persegue. Toda acción dirixida a potenciar, dinamizar ou desestacionalizar non é un gasto, é un investimento. Se alguén non se decatou aínda, é que está moi despistado”, sentenciou o presidente de ACEBA, Marcos Comesaña.

Anuncios