Baiona inicia a conta atrás para a Arribada coa Cea Medieval de ACEBA

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA) celebrou este sábado a tradicional Cea Medieval no Parador de Baiona, velada que ten lugar cada ano a semana anterior á Festa da Arribada, e que nesta ocasión cumpría a súa edición número XXI. Con este evento, a Asociación conmemorou tamén o seu XXIII Aniversario.

Ao redor de 130 comensais gozaron dunha cea composta por caldiño de Pedro Madruga, asado de cabrito lechal ao tomiño con fritos de cabaza, empanada de raxo, a froita do Monterreal e as sobremesas do medioevo (as filloas do Tío Remigio, Torta do Conde e Almendrados do Convento da Anunciada), todo acompañado polo viño da Adega do Castelo e Auga das Pasasiñas. Tampouco faltaron os “Ñoclos de Pinzón”, a “Torta de Sarmiento”, o “Pan dos Clérigos” e as Rosquillas Cristaleiro, para finalizar cun café e unha Queimada.

Na sobremesa, o presidente de ACEBA, Marcos Comesaña, xunto con membros da xunta directiva, homenaxearon a Ramón Rodríguez Quintas, propietario do Restaurante Rocamar. Nacido en Vilaza (Gondomar) en 1942, monta aos 16 anos unha pequena tenda de ultramarinos en Baiona. Dous anos despois, un Bar-Restaurante é o inicio dunha serie de negocios de hostalería ata que, en 1973, compra o Restaurante Rocamar en Baredo, ocupándose tanto da compra de mercadoría á primeira hora da mañá en distintas lonxas da provincia, como de supervisar e atender persoalmente aos clientes no establecemento, que continúa dirixindo a día de hoxe xunto á súa muller e fillos.

A velada, presentada por Arantxa Treus, contou coa animación do Grupo Malatitsch. DJ Anxo Vaqueiro foi o encargado de amenizar a festa posterior.

Entre os asistentes á cea atopábase o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e os membros da corporación Óscar Martínez, Víctor Muñoz, Ángel Rodal, María Jesús Garbín e Jose Ángel Bahamonde, ademais dos deputados provinciais Santos Héctor e María Victoria Alonso, e Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra.