“Batubaíña polo Mar” gaña o concurso de comparsas de Nigrán

O Concello de Nigrán celebrou este sábado o seu tradicional concurso de comparsas no centro do municipio. Foron un total de 10 agrupacións chegadas de Nigrán (3), Gondomar (3), Vigo (2), Tomiño (1) e Baiona (1), que sumaban en total 683 participantes de todas as idades, desde a máis pequena de 25 persoas ata dúas de 120, as que desfilaron ante milleiros de persoas que se situaron ao longo da rúa Rosalía de Castro desde o cruzamento con rúa Telleira ata a estrada do Ceán, realizando cada agrupación unha actuación á altura da Casa Consistorial, onde o xurado avaliounas.

Os 600 euros do primeiro premio foron para “Batubaíña polo Mar”, do Centro Cultural e Social de Baíña (Baiona), unha comparsa reivindicativa que persegue dous obxectivos, concienciar á cidadanía sobre a contaminación do medio ambiente e da importancia da reciclaxe e a reutilización para loitar contra o cambio climático, visibilizando e protestando polo estado do medio mariño, presentando unha balea xigante chea de botellas plásticas e traxes e instrumentos feitos con materiais e obxectos reciclados, e a socialización e integración das persoas con discapacidade xa que na propia comparsa contan con 15 compoñentes con esta condición.

O segundo premio, de 500 euros, recaeu na comparsa “Os da Casa”, da Asociación Os da Casa de San Andrés de Comesaña (Vigo). O terceiro premio, de 400 euros, foi para “Alicia en el país de las maravillas”, da Asociación LDanzia (Gondomar). A comparsa “Noite Estrelada, do Centro Cultural Parada do Miñor, ocupou o cuarto posto, con 350 euros. A Asociación Deportiva e Cultural Paradela de Gondomar levou o quinto premio, de 300 euros, con “Aladdin”. O sexto premio, de 250 euros, foi para “Amorodos de Chaín” do Centro Cultural e Deportivo “A Merced” de Chaín (Gondomar).

Os seguintes catro clasificados recibiron un premio de 100 euros. “Os Peloteiros” da Asociación Cultural A Camoesa de Nigrán (7º); “Aladdin” da Asociación Luces de Tomiño (8º); “Baby Tropa Garden” de A Tropa do Cruceiro de Vigo (9º); e “O Mar” da Asociación Veciñal, Social e Cultural “A Unión” de San Pedro da Ramallosa (10º).

A batucada de “Bate no cobre” foi a encargada de abrir o desfile, presentado polo Rei Midas. Ao finalizar e tras a resolución dos premiados a festa seguiu na Praza do Concello coa actuación do trío musical X’tra.

A programación de Entroido continúa o martes 25 coa festa dos centros de día e residencias no Auditorio Municipal pola mañá e a xa tradicional excursión de maiores a Cuntis para festexar a “Festa do Lacón. O Entroido conclúe o domingo 8 de marzo co tradicional Enterro do Kiko de Parada, finalmente o Concello o pospuxo a este día para non coincidir con outros actos da comarca previstos para o día 7 (como inicialmente estaba programado). A comitiva partirá dende a Casa do Concello ás 18:00 horas tirado por un carro de bois para ser velado desde as 19:00 horas no Torreiro de Parada, actos que rematarán coa súa queima e o concerto final do grupo D’Líder.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios