Sin categoría

Nigrán e Castanheira de Pera acordan oficializar o seu irmandamento este verán

O Concello de Nigrán e o de Castanheira de Pera (Portugal) serán oficialmente pobos irmás este verán, tal e como xa se comprometeran os seus respectivos mandatarios na celebración do terceiro aniversario dos incendios en Chandebrito. Así o pecharon onte nesta vila lusa da rexión central de Leiría o edil de Medio Ambiente e Urbanismo, Diego García (quen representaba ao alcalde de Nigrán) e a presidenta da Cámara, Alda Correia Carvalho. Así, o goberno nigranés se desprazará o 4 de xullo a Castanheira de Pera, o seu festivo local, para asinar o irmandamento, mentres que os representantes da cámara portuguesa acudirán a Nigrán no día do seu patrón San Fiz, 1 de agosto. Previamente, os respectivos gobernos locais levarán a pleno esta proposta que unirá definitivamente a estes dous municipios que sufriron a traxedia humana e medioambiental dos lumes de 2017 e que ven ao futuro con esperanza e ilusión. Este será o primeiro irmandamento oficial na historia do Concello de Nigrán.

“As vidas humanas son irreparables e a catástrofe natural terrible, esa dor e ese recordo sempre estarán aí, pero consideramos que debemos aproveitar oportunidades coma esta que nos permitirá compartir experiencias e proxectos ilusionantes”, explica Juan González, alcalde de Nigrán, e quen tomou a iniciativa en outubro de convidar a alcaldesa de Castanheira á celebración en Chandebrito do aniversario dos incendios, onde se forxou esta iniciativa.

Diego García e Alda Correia acordaron que, máis alá do irmandamento, ambos municipios, de 3.600 e 17.600 habitantes respectivamente, traballarán conxuntamente para acadar fondos europeos interrexionais de programas como “Europa para as persoas”, destinado a financiar encontros, visitas, xornadas…

Durante esta visita o edil de Urbanismo reuniuse tamén cos demais presidentes das cámaras que conforman esta rexión central afectada polos incendios (Pedrógão Grande, Figueiró dos Vinhos, Alvaiázere e Ansião) e mantivo un encontro cos bombeiros para coñecer de preto os seus medios de prevención e loita. “Foi unha oportunidade de intercambiar experiencias ao respecto e de ver similitudes e diferenzas na xestión dos montes, creo que resultou moi enriquecedor para todas as partes”, indica García.

Incendios

As parroquias de Chandebrito e Camos (Nigrán) viviron o 15 de outubro un dos momentos máis tráxicos da súa historia ao sufrir uns gravísimos incendios que supuxeron a vida de dúas mulleres nunha evacuación errada, Angelina Otero e Maximina Iglesias, e máis de 600 hectáreas arrasadas; mentres que o incendio do 17 de xuño de 2017 en Portugal está considerado como peor da súa historia recente ao causar 66 mortos, máis de 250 feridos e 46.000 hectáreas calcinadas entre Pedrógão Grande, Castanheira de Pera, Figueiró dos Vinhos, Alvaiázere e Ansião.