Nigrán adhírese oficialmente ao sistema VioGén contra a violencia de xénero

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu a Xunta Local de Seguridade de Nigrán xunto ao seu alcalde, Juan González. Na reunión tamén estiveron presentes o Tenente Coronel, Manuel Touzeda, e a concelleira de Servizos Sociais, Bibiana Peixoto. Esta xunta serviu para adherirse oficialmente ao protocolo do Sistema Integral VioGén dependente do Ministerio de Interior. Por iso, Maica Larriba mostrou a súa satisfacción polo traballo conxunto que se está levando a cabo coas administracións locais dentro deste “sistema integral contra a violencia de xénero, de forma, que mellore a coordinación de todas as medidas necesarias para as diferentes circunstancias sociais e de seguridade contra esta secuela que mata as mulleres polo feito de selo”.

O Sistema VioGén púxose en funcionamento no ano 2007 co obxectivo de establecer unha rede que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas, e dos seus fillos, en calquera parte do territorio nacional. Os municipios que forman parte do Sistema VioGén subscriben un convenio coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e outro co Ministerio de Interior. Así mesmo, a Policía Local de cada concello firma un protocolo de coordinación e colaboración co corpo que, a nivel nacional, ten a competencia na demarcación, neste caso a Guardia Civil. No protocolo delimítanse as funcións da Policía Local no eido da violencia de xénero, e se define o seguimento e reparto dos casos.

Coa integración de Nigrán, súmanse catro concellos máis aos once que xa están dentro do sistema na provincia de Pontevedra. Larriba destacou que grazas a estas accións “mellórase no labor preventivo, emitindo avisos, alertas e alarmas, a través do subsistema de notificacións automatizadas, cando se detecta algunha incidencia ou acontecemento que poida poñer en perigo a integridade da vítima. É a mellor forma de conseguir unha protección rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas e dos seus fillos e fillas”.

“Un paso máis no que sumar esforzos é imprescindible. A sintonía da Policía Local de Nigrán e a Garda Civil é absoluta, polo que adherirnos ao sistema VioGén vai ser algo moi positivo para loitar contra esta lacra», resumiu o rexedor, Juan González.

Por outra banda, a Xunta Local de Seguridade tamén abordou os datos rexistrados en canto ás infraccións penais no municipio, arroxando unha media dun 27%, mantendo uns niveis por baixo dos provinciais en case catro puntos. Isto tradúcese nunhas 26 infraccións por cada 1000 habitantes.

Neste aspecto, Maica Larriba sinalou a importancia de seguir o camiño de colaboración entre os corpos e forzas de seguridade do Estado coas administracións municipais para detectar os riscos máis comúns que afectan as cifras de seguridade cidadá, e quixo facer fincapé nos ámbitos da actividade informática e os delitos sexuais contra a muller.

Anuncios