O PP acusa ao PSdeG de rexeitar o diñeiro dos veciños de Baiona

Para o Partido Popular de Baiona, o pleno da corporación deste mes de xaneiro, celebrado a semana pasada, deixou patente a “fractura” que sofre o tripartito que goberna o Concello coa votación dispar dos seus membros á moción do PP para esixir ao Executivo central que pague os 200 millóns do IVE que debe á comunidade galega e os 170 millóns de incentivos asociados ao cumprimento dos obxectivos da regra de gasto. O BNG, cunha emenda ao texto solicitando a xudicialización do proceso de demanda, votou a favor de que o goberno de Pedro Sánchez pague o que debe á comunidade, do mesmo xeito que C’s, mentres que os socialistas fixérono en contra e o socio Nós abstívose. Para o grupo municipal popular, “non se pode ter visión de goberno cando os tres compoñentes pensan diferente en cuestións tan importantes como esta”, apuntan.

Cómplices do desmantelamento dos servizos

“Animamos aos compoñentes do BNG e a Nós a que publicamente actúen con liberdade e dean a cara ante os cidadáns que lle votaron porque, pola contra, serán cómplices da xestión desastrosa que se está realizando no Concello de Baiona como, por exemplo, a supresión da quenda nocturna da Policía Local, o bloqueo do proxecto desestacionalizador de Baiona Campus Residencial Universitario de Vigo, do peche case total da Casa da Navegación, a ausencia total de limpeza nas rúas, o abandono dos xardíns…”, animan desde o grupo municipal popular. Por este motivo, desvelan os populares, “tras a porta do Concello e por mor deste espolio, a saúde do pacto a tres está en coidados intensivos”.

O PSdeG rexeita o diñeiro dos veciños de Baiona

O PP de Baiona considera que co seu voto contrario a esta moción o Alcalde “está a rexeitar o diñeiro que o Estado debe de devolver aos veciños de Baiona para regalarllo ao Sr. Sánchez para pagar os soldos do Goberno con máis ministros de Europa”. “É evidente que se Galicia recibe todos os millóns que o Estado lle debe repercutirá directamente nos Concellos e, por tanto, nunha mellora e aumento dos servizos, debido a que é un diñeiro que xa pagamos todos con impostos e que con xestos como o do Sr. Gómez non recuperaremos nunca”, conclúen.

Anuncios