Anuncios
Ticker de novas

Detido o presunto autor dun roubo con intimidación a un menor de idade nun caixeiro de Baiona

FOTO: GARDA CIVIL // As tesoiras metálicas intervidas.

A Garda Civil detivo a un veciño de Baiona como presunto autor dun roubo con intimidación a un menor de idade cando estaba a sacar diñeiro nun caixeiro automático na mesma localidade.

Os feitos ocorreron a madrugada do domingo, día 16 deste mes, cando un mozo de 17 anos, que estaba acompañado dun amigo sacando diñeiro nun caixeiro automático nunha céntrica rúa de Baiona, foron abordados por un individuo para pedirlles droga.

Ante a resposta dos mozos de que non consumían estupefacientes, esgrimiu unha arma branca e pediulle ao mozo que estaba no caixeiro que lle entregase os 20 euros que acababa de retirar, non sen antes obrigar ao amigo a que se fose para deixalos sós.

Por mor das descricións achegadas sobre o atracador, os efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán que se fixeron cargo das investigacións elaboraron unha lista de candidatos que se foron discriminando en función dos datos que se ían obtendo durante estas dúas últimas semanas, ata chegar á identificación do presunto autor, que resultou ser un veciño da localidade, de 31 anos, consumidor habitual de estupefacientes e con antecedentes policiais.

Foi localizado durante o día de onte no centro urbano de Baiona cando conducía un vehículo co permiso de condución retirado por perda total de puntos, polo que, ademais do delito de roubo con intimidación, acúsaselle dun delito contra a seguridade viaria.

Ao inspeccionar o vehículo intervéuselle unha tesoira metálica que gardaba no peto dunha cazadora e unhas pequenas cantidades de haxix e marihuana.

Ao mesmo tempo, instruíronselle dilixencias por outro delito de atentado aos axentes da autoridade por agresión e resistencia aos axentes no momento do arresto.

O detido foi posto a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Vigo que ordenou o seu ingreso en prisión.

Anuncios