O Vincios Gondomar trae dous puntos de Burgos

O Vincios Gondomar volveu á senda da vitoria esta fin de semana, tras lograr a vitoria ante o Universidade de Burgos e con iso sumar dous puntos ao seu marcador, que con 12 puntos mantéñeno na sétima posición da liga, a un paso de os postos europeos.

O desprazamento a Burgos sempre é moi difícil dadas as condicións da pista de xogo, xa que a diferenza de altura entre a meseta e a costa, e que o local de xogo está calefactado e máis seco, fai que a pista sexa moi rápida, o que dificulta moito o xogo aos nosos xogadores, que adestran a nivel do mar e en maiores condicións de humidade.

O encontro empezou ben para os gondomareses, con vitorias de André Silva ante o internacional español Carlos Caballero (3-1) e de Zhao Tianming ante Jorge Ausín (3-0). A derrota de Martín Pintos ante o internacional romanés Alexandru Cazacu (0-3) e a derrota de Zhao ante Caballero no cuarto partido, que acabou remontando un 2-1, para superar a Zhao (3-2), volvía poñer o equilibrio no marcador.

No quinto partido André superou a Cazacu (3-1), tras impoñer o seu xogo curto con saque curto cortado e flip ao xogador romanés. Con vantaxe 3-2 no marcador, Martín soubo xogar con tranquilidade e levar o partido definitivo (3-1) ante Jorge Ausín “Rizo”, un xogador sempre complicado na súa casa. Esta é a primeira vez que o Vincios logra vencer en superdivisión na difícil pista do Burgos.

Anuncios